Inés Rodríguez Filgueiras

A investigación de doutoramento presentada na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC por Inés Rodríguez Filgueiras baixo o título ‘Estudo do perfil analítico de toxinas mariñas e de auga doce’  achega novos métodos de detección para toxinas mariñas e de auga doce, ao tempo que contribúe á optimización de métodos xa existentes no que afecta á mellora dos niveis de detección e cuantificación deste tipo de toxinas.

 

Rodríguez Filgueiras realizou esta tese de doutoramento cunha bolsa de Formación de Persoal Investigador (FPI) baixo a dirección dos investigadores do grupo Farmatox da USC Luis Miguel Botana e Amparo Alfonso Rancaño e no marco de dos proxectos europeos µAQUA e Ciguatools, dun programa nacional do Ministerio de Economía e Competitividade e do proxecto SinTox, unha iniciativa de I+D respaldada por Anfaco-Cecopesca e na que tamén participan cinco empresas galegas interesadas no desenvolvemento de sistemas de alerta temperá e detoxificación eficientes, económicos e sen efectos medioambientais nocivos para a produción de moluscos.

 

 

A motivación desta investigación vén dada pola crecente presenza de biotoxinas en alimentos, un feito que constitúe un problema de saúde pública a nivel mundial e que require dispor de métodos de detección sensibles, fiables e rápidos, a fin de evitar intoxicacións e minimizar os riscos para os consumidores. Daquela, dado que a lexislación actual está baseada no emprego exclusivo de métodos analíticos para a detección destas toxinas, o cometido desta liña de investigación prioriza o desenvolvemento de novos métodos de detección e a mellora dos sistemas actuais para a análise de biotoxinas, tanto reguladas como emerxentes, mediante cromatografía líquida axustada á detección por espectometría de masas.

 

Os obxectivos da investigación desenvolvida por Rodríguez Filgueiras son acaídos cos do proxecto  µAQUA, que tiña como finalidade monitorar a presenza de contaminantes na auga recollida en sete países europeos. Nesta monitorización incluíase a presenza de cianotoxinas, un contexto no que se desenvolveu un método de detección para este grupo de compostos. Asemade, neste estudo tamén se analizaron mostras procedentes de diferentes localizacións europeas e os resultados obtidos mostraron que a maioría das mostras de auga recollidas contiñan dous análogos da anatoxina-a.

 

No marco do proxecto do MEC, centrado na monitorización de toxinas emerxentes e na caracterización dos riscos que o Regulamento Europeo 15/2011 xera no consumidor, tamén se analizaron mostras procedentes de tres localizacións europeas e de Marrocos para toxinas lexisladas e emerxentes. En canto aos riscos do regulamento avaliouse o efecto do procesado da mostra, a nivel industrial e doméstico, sobre as toxinas diarreicas e os seus derivados. Estes resultados mostraron que durante a cocción parte da dinofisistoxina-3 presente na mostra transfórmase en OA, pero o proceso de cocción non afecta á toxicidade total da mostra que é igual en mexillón fresco e cocido.

 

Doutra banda, como toxinas emerxentes, estudáronse as ciguatoxinas e a tetrodotoxina e os seus derivados. No caso das ciguatoxinas, atopáronse por primeira vez en mostras de estrelas de mar procedentes de Azores e Madeira. Para este último grupo de toxinas non existe regulación algunha, xa que a UE só establece que non poden chegar ao mercado produtos que conteñan ciguatoxina. Actualmente non hai método de detección establecido, debido ao gran número de análogos e á falta de estándares analíticos que permitan unha correcta identificación e cuantificación para as ciguatoxinas.

 

A investigación de Rodríguez Filgueiras abordou o problema da obtención de estándares analíticos de ciguatoxina a partir de Gambierdiscus como organismo produtor dentro do proxecto europeo Ciguatools. Unha cepa deste dinoflagelado creceu en condicións controladas e dela illouse un composto puro denominado Gambierona con actividade igual que a ciguatoxina, pero menos potente. A tetrodotoxina pertence a outro grupo de toxinas mariñas emerxentes en Europa, para a que aínda non existe ningunha regulación específica en moluscos bivalvos e a única restrición é que non poden chegar ao mercado especies de peixes relacionados con esta toxina a pesar de que xa foi detectada en costas europeas en mexillóns e en gasterópodos. Durante un episodio tóxico desta toxina detectouse a presenza do dinoflagelado Prorocentrum minimum e expúxose se a presenza desta toxina e do dinoflagelado están relacionados. Tres cepas de Prorocentrum minimum creceron en condicións controladas, o que permitiu estudar a actividade biolóxica deses extractos sobre a canle de sodio utilizando o estándar de tetrodotoxina, co se puido identificar dous compostos: m/z 265 e m/z 308, que presentaban o patrón de fragmentación da tetrodotoxina aos que se lles adxudicou dita actividade.

 

Estes avances posibilitaron desenvolver un método que permite a detección simultánea de toxinas mariñas hidrofílicas (saxitoxinas, tetrodotoxinas e ácido domoico) e lipofílicas con límites de cuantificación para estas toxinas inferiores aos límites legais permitidos pola UE.

 

Tribunal da tese e cualificación

O profesor do Departamento de Química Inorgánica da USC na Facultade de Ciencias de Lugo Marcelino Maneiro Maneiro presidiu o tribunal encargado de avaliar a tese doutoral presentada por Inés Rodríguez Filgueiras. A directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia e doutora en Química pola USC, María Covadonga Salgado Branco, e o doutor en Bioloxía e Ecoloxía pola Universidade de Lisboa e investigador do Laboratorio Nacional de Referencia de Portugal, Pedro Reis Costa, completaron a composición dun tribunal que outorgou a máxima cualificación de sobresaínte cum laude a esta investigación de doutoramento.

anunciodirectoriodeacuicultura

Red Acuícola y de Acuicultura Europea

avisoimpoortantepangasergasxunta ppdegaliciaLa Xunta de Galicia promociona y FINANCIA Panga Presuntamente Contaminado para los Hospitales Públicos de Galicia en clara competencia de los productos pesqueros de las cofradías y mercado gallego.

 Buscador Grupo Pladesemapesga con tecnología de Google

En el motor de búsqueda te ayudamos a encontrar exactamente lo que buscas.

 AyTP Acción y Transparencia Publica..